Galicia é unha das comunidades autónomas con máis casos de Esclerose Múltiple
Un estudo investiga as posibles causas da alta prevalencia de Esclerose Múltiple (EM) na comunidade galega.
O número de casos de Esclerose Múltiple (EM) aumentou nos últimos anos a nivel mundial. Porén, non se distribúen de maneira uniforme, mostrando diferencias entre distintas rexións. En España, estas variacións fanse evidentes entre as comunidades autónomas, destacando un recente estudo que identifica a Galicia como unha das comunidades con maior prevalencia de Esclerose Múltiple.
O artigo publicado na revista Neurology conta coa participación de investigadores do Hospital Severo Ochoa (Madrid), a Universidade Loyola (Sevilla), a Universidade de Alcalá (Madrid) e a Área de Xestión Sanitaria Sur de Sevilla. Este estudo analiza datos da Base de Datos Clínica de Atención Primaria (BDCAP) do ano 2021 e revela unha taxa de prevalencia de 123,5 casos por cada 100.000 habitantes en España, con importantes diferenzas entre comunidades.
Un patrón norte-sur na prevalencia de EM
O estudo establece un patrón norte-sur, onde as comunidades do norte presentan taxas máis elevadas de EM. Galicia posiciónase como a terceira comunidade con máis casos en homes (115,7 casos por cada 100.000 habitantes) e a cuarta en mulleres (205,1 casos por cada 100.000 habitantes).
Factores detrás das diferenzas rexionais
Suxírense posibles factores xenéticos, ambientais e de hábitos relacionados coa saúde como posibles responsables da distribución xeográfica das taxas de prevalencia. En Galicia, o clima de chuvia, a baixa exposición á luz solar e a deficiencia de vitamina D son factores destacados, aínda que esta última está en revisión xa que Ourense, sendo unha das zonas con máis exposición solar ao longo do ano, é a provincia galega con máis casos. Ademais, o estudo menciona a histórica exposición a asentamentos vikingos e normandos como un posible factor xenético contribuínte.
Mellora na detección
O aumento de casos nas últimas tres décadas pode estar relacionado con melloras nos mecanismos de detección e avances en tratamentos que melloraron a calidade de vida das persoas con EM. Segundo o Dr. José María Prieto, presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía, “gañáronse entre 10 e 15 anos funcionais e unha esperanza de vida que hoxe en día é similar á da poboación xeral”.
Importancia da investigación continua
É necesario continuar con investigacións descritivas e analíticas para comprender mellor os factores que inflúen na prevalencia da EM e desenvolver tratamentos máis eficientes e menos tóxicos. Este enfoque permitirá desvelar os mecanismos subxacentes e mellorar a atención ás persoas con Esclerose Múltiple.
Fonte: GCiencia
