As asociacións galegas de Esclerose Múltiple visibilizan a enfermidade no Día Mundial da EM
Unión na adversidade: asociacións galegas solidarízanse na loita contra a Esclerose Múltiple. Edificios emblemáticos galegos iluminados en conmemoración do Día Mundial da Esclerose Múltiple.
Nunha mostra de solidariedade e concienciación, as asociacións de Esclerose Múltiple de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense, conmemoraron o Día Mundial da EM o pasado 18 de decembro. A través de distintos eventos e actos, estas organizacións destacaron a importancia de sensibilizar á comunidade sobre esta enfermidade neurodexenerativa.
Durante a xornada, leváronse a cabo sesións informativas, así como emocionantes testemuños de pacientes e profesionais. A iniciativa non só buscou difundir coñecementos sobre a enfermidade, senón tamén fomentar a empatía e comprensión cara quenes conviven coa Esclerose Múltiple en Galicia. Foi o caso de ACEM Santiago, entidade que optou pola colocación dunha mesa de visibilización e sensibilización no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), arroupados por María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago; Eloína Núñez Masid, xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza do Servizo Galego de Saúde; María José Menor, subdirectora de humanización e atención á cidadanía do CHUS, e o Dr. José María Prieto González, xefe de neuroloxía do CHUS. Un acto similar foi o de ALUCEM, ao colocar unha mesa informativa no edificio administrativo da Xunta de Galicia para dar voz e informar sobre a enfermidade. ACEM Coruña instalou mesas de información e postulación en diferentes puntos da cidade para acadar unha maior concienciación na sociedade con respecto á realidade das persoas que padecen esta enfermidade.
Dende AVEMPO, sumáronse á campaña “ContEMos historias (con Esclerosis Múltiple)”, unha iniciativa promovida por AEDEM-COCEMFE para mostrar as diferentes realidades das persoas diagnosticadas con EM, a través de testemuñas persoais e historias reais, plasmadas en breves relatos escritos (poden lerse no blog da campaña, correspondéndose as mesmas cos días 13 e 14 de decembro). Por outra parte, ACEM Santiago tamén participou na campaña nacional “EMpoderarte, A ti, a todos” da compañía Bristol Myers Squibb, amosando as diversas aportacións da logopedia aos pacientes con esclerose múltiple, a través do testemuño da súa logopeda Jessica Arufe e de dúas persoas afectadas: José Manuel e Raquel.
Nun xesto simbólico, ilumináronse algúns edificios característicos, xerando así unha importante visibilidade en toda Galicia. Foi o caso de AODEMPER, grazas á cal a Ponte Romana de Ourense se tinguiu de vermello. Varios concellos da provincia de Pontevedra (Vigo, Cangas, Redondela, Gondomar, Moraña e Cambados), iluminaron de cor laranxa as súas correspondentes casas consistoriais ou edificios emblemáticos da zona en apoio ás persoas que padecen a “enfermidade das mil caras”. No caso da provincia da Coruña, edificios como o Concello de Betanzos, o Castelo de Santa Cruz ou o Polígono de Bergondo, ilumináronse de cor vermella.
Este evento anual destaca a importancia da unidade na loita en contra da Esclerose Múltiple, recordándolle á sociedade que a solidariedade e o coñecemento son fundamentais para mellorar a calidade de vida de quenes enfrentan esta enfermidade. Aproveitouse ademais para facer unha reivindicación por un maior investimento na dotación de servizos ás distintas entidades, un maior apoio gubernamental á investigación da EM, así como no recoñecemento do 33% de discapacidade co diagnóstico, o cal suporía un mellor acceso ás medidas de apoio e protección social.
