FEGADEM pon en marcha o programa ‘Acompáñame, apóiame na miña vida con Esclerose Múltiple’
A Federación busca a mellora da calidade de vida das persoas con EM que residen en concellos e parroquias do rural galego.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) puxo en marcha o proxecto ‘Acompáñame, apóiame na miña vida con Esclerose Múltiple’, que ten como finalidade mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple que residen nos concellos e parroquias rurais de Galicia, mediante intervencións personalizadas que favorezan a creación dunha rede de apoios que contribúan e cubran as necesidades das persoas afectadas por esta enfermidade.
Con este programa, a Federación tamén busca promover a importancia do movemento asociativo tanto no momento do diagnóstico como á hora de prestar diferentes servizos, actividades e terapias ás persoas con Esclerose Múltiple, aos seus familiares e/o coidadores.
En FEGADEM damos apoio a cada un deles e estamos representados na cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Lugo a través das nosas entidades membro.
