Programa Happy de apoio psicolóxico para coidadores de familiares dependentes
Coidar dunha persoa en situación de dependencia é un labor que adoita requirir un gran esforzo e enfrontarse a situacións difíciles durante moito tempo, derivando frecuentemente en alteracións do estado de ánimo, e máis especificamente a depresión.
A Universidade de Santiago de Compostela puxo en marcha un proxecto cuxo obxectivo é axudar a previr a depresión nos coidadores familiares de persoas en situación de dependencia a través da aplicación para smartphones Happy.
Happy ofrécelle un programa psicolóxico totalmente gratuíto baseado nunha intervención eficaz para a prevención da depresión desenvolvida polo Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psiopatoloxía (GRISAMP), dirixido polo Prof. Fernando L. Vázquez González, formado por prestixiosos psicólogos e psiquiatras das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade de España.
Para acceder ao programa, estamos buscando coidadores que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter un Smartphone (un teléfono móbil con conexión a internet, onde se poidan utilizar aplicacións, p.ex. WhatsApp.
- Unha vez iniciado o programa, comprometerse a finalizalo (o programa durará 5 semanas e poderá realizalo comodamente en calquera horario e lugar desde o seu teléfono móbil), e a participar en todas as avaliacións, que terán lugar antes do programa, despois do programa e puntualmente durante 12 meses despois da súa finalización.
A súa participación axudaralle a mellorar o seu estado emocional e a previr futuras depresións, mellorando a súa calidade de vida e a da persoa que coida.
